
Que contarvos da reunión?... na única mesa redonda da biblio, tivemos a oportunidade de revivir os atrancos dunha pantasma que, fiel ao seu cometido, se enfronta no vello caserón do Canterville aos Otis, unha familia norteamericana moi práctica e nada medoñenta.
A responsable pantasma trata de seguir infundindo medo, provocando –se é posible- a morte de quen se cruza no seu camiño,… pero nada pode contra os xemelgos Otis que o esperan cun balde de auga nada máis pasar o lintel da porta, ou fronte a laboriosa nai da familia que limpa a mancha de sangue secular cun eficiente e novidoso deterxente… Nestes tempos modernos, as pantasmas teñen ben difícil cumprir coas súas obrigacións.

Ao final, é a rapaza, Virxinia Otis quen libera á vella pantasma e evocando o Cantar dos Cantares de Salomón afirma “(el) fíxome entender a Vida, e o sentido da Morte, e por qué o amor é máis forte ca unha e ca outra”.
Mais, non todo foron pantasmas… na nosa edición figuraban algúns dos que O. Wilde lles narraba aos seus dous fillos… lembramos a nosa infancia revivindo o canto do rouisiñol, xogando no xardín do Xigante egoísta e conmovéndonos coa xenerosidade do Príncipe feliz.
A nosa próxima cita será con Laura Gallego García… todos leremos un exemplar diferente da súa obra, o que nos permitirá ter dela unha visión máis rica e variada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario