viernes, 26 de mayo de 2023

English Culture Week

Se o curso pasado adicabamos unha semana cultural á Xapón, neste viaxamos á Inglaterra coa colaboración das chicas do departamento de Inglés. Aquí tedes o programa de actividades: 

lunes, 22 de mayo de 2023

Encontro do club de lectura de 4º de ESO con Emma Pedreira e Carlos Lago

 

O pasado xoves, no club de lectura de 4º de ESO, celebramos unha tertulia moi especial na que contamos coa presenza de Emma Pedreira e Carlos Lago (lembrade que é o noso Juanca, profe de Plástica!), os autores desa xoia que acabamos de desfrutar, A parte dos anxos, un marabilloso artefacto de letras e debuxos. Puidemos facerlles todo tipo de preguntas  sobre a súa particular colección de nenos defuntos, e tivemos a oportunidade de ver os magníficos orixinais dos debuxos de Juanca. Deixámosvos algunhas fotos do encontro, con Emma recortando distancias grazas as novas tecnoloxías e con Juanca presente en carne e óso. Graciñas a ambos por compartir con nós a vosa arte e regalarnos este valioso ratiño para charlar sobre a vosa obra!






lunes, 15 de mayo de 2023

Visita á Feira do Libro

 

Chegou a Feira do Libro a Porriño, e o noso club de lectura non quería perder a ocasión de facer unha visita e adquirir algúns exemplares para completar a nosa biblioteca. Cada lector e lectora encargouse de atopar un libro que non figurase no catálogo e que fose do seu interés. Marchamos de alí ben aprovisionados de cultura despois de indagar en postos de librerías do noso Concello (Copirey, Paz e Recondo), que nos recibiron coa súa habitual amabilidade.











lunes, 8 de mayo de 2023

Derradeiras reunións do clube de lectura de 1º ciclo

Xa rematamos George, e na nosa tertulia intercambiamos impresións sobre esta emotiva novela que nos axuda a comprender as dificultades dunha rapaza atrapada en corpo de rapaz. Os nosos lectores/as amosáronse conscientes dos problemas que se lle pode presentar a alguén con esa condición no insti, pero tamén teñen moi claro que eles formarán sempre parte da solución.




A continuación, repartímonos por cuestións prácticas en dous grupos.
Un grupo leu O neno do pixama de raias, de John Boyne, e adentrouse no duro mundo do Holocausto nazi dende a inocente mirada de Bruno, un neno de 9 anos. A verdade é que os nosos lectores/as xa coñecían bastantes cousas relacionadas coa II Guerra Mundial e o horror nazi, pero este libro fíxolles aproximarse máis esa época e sobre todo a sentir a súa dureza dende a distancia e a imaxinación. Dentro desta tristeza, tamén sacamos un pouco de tempo para relaxarnos cun breakout.




O outro grupo adentrouse na historia de Isabel Zendal e a súa participación na primeira campaña de vacinación da historia, a comezos do século XIX, para combater a variola. A verdade é que as nosas lectoras quedaron impresionadas con este episodio da historia e coa forma en que o reflicte María Solar na súa obra. Puxéronse na pel dos nenos orfos que embarcaron para levar a vacina nos seus corpos e máis dunha confesou que se estiveran nesa situación farían o posible para quedar en terra.


Para endulzar un pouco a tertulia degustamos un pouco de biscoito. E noutra sesión, enfrontáronse a unha proba máis por equipos para sumar puntos nesa liguilla que está tan reñida. Xa imos entrando na recta final!






E agora toca intercambiar libros! Os que leron O neno do pixama de raias lerán Os nenos da varíola, e viceversa. Ollo, prohibido facer spoilers!

Sonia Mirón no centro

O pasado venres o alumnado de 2º de ESO puido desfrutar dun encontro coa escritora Sonia Mirón, autora de Un sol dentro de mí, un dos libros que máis éxito está a ter neste nivel propiciado polo Departamento de Lingua Castelá. Sonia Mirón falou, entre outras cousas, do seu proceso de escritura e afondou nun dos temas principais que aborda na súa obra, o acoso escolar, así como no efecto que tivo o seu libro en rapaces e rapazas que o leron. Rematou a sesión cunha interesante rolda de preguntas do noso alumnado e, por suposto, coa firma de libros. Grazas, Sonia, por este estupendo encontro literario!



Texto e fotografías: David Pérez

lunes, 1 de mayo de 2023

Clube de lectura de 4°ESO: próximas lecturas

Facemos reconto das lecturas que gozamos ata o de agora no noso club de lectura de 4º de ESO.
Lemos a novela Mentira, de Care Santos, e con ela, ademais de gozar dunha problemática historia de amor entre unha moza e un mozo pertencentes a mundos opostos, comprobamos o enganosas que poden chegar a ser as redes sociais. Ademais, esta novela levounos a falar dun
clásico da narrativa estadounidense, O gardián entre o centeo, de JD Salinger, e unha das nosas lectoras devorouna! Aquí podedes ver unha foto do breakout que resolveron por equipos os nosos lectores/as para ir sumando puntos na súa competición.

A seguinte lectura foi O curioso incidente do can á medianoite, de Mark Haddon, un exitazo internacional que nos permitiu entender mellor que é o Trastorno do Espectro Autista grazas ao seu protagonista, Cristopher, un peculiar detective e un auténtico xenio das matemáticas. De feito, nunha das probas que debían superar os equipos do club de lectura había un enigma matemático. A ver quen o descobre: “Como podemos facer que catro noves dean como
resultado cen?”.
E agora imos a polo noso terceiro libro, A parte dos anxos, unha colección de microrrelatos de Emma Pedreira ilustrado por Carlos Lago… Carlos Lago? Sóavos? É o que ten contar cun artista no insti! Si, é o profe, o noso Juanca! Así que teremos o privilexio de contar con el na nosa tertulia
para afondar neste libro á vez fermoso e lúgubre, escuro e lírico, de debuxos e palabras inquedantes que nos acercan cun sorriso doloroso pero terapéutico á traxedia das mortes prematuras, vidas cercenadas na más tenra infancia.
Texto: David