sábado, 19 de mayo de 2018

Letras Galegas


María Victoria Moreno por David Pintor
Así de bonito lucía o recibidor do instituto esta semana co gallo da conmemoración das Letras Galegas.

A exposición estará ao longo dunha semana para dar visibilidade non só á María Victoria Moreno, a homenaxeada deste curso, senón a todas as mulleres que traballaron en prol da lingua e  que non figuran no listado que cada ano aumenta a RAG cun novo nome. Exactamente foron catro as mulleres que aparecen ata agora nun elenco de cincuenta e cinco nomes: Rosalía de Castro(1963), Francisca Herrera(1987), María Mariño(2007) e M. Victoria Moreno(2018) e así o recollimos desde a biblioteca cun mural ao que chamamos "Letras Galegas, Galegas nas letras. 1963-2018".
Durante as semanas previas o alumnado tamén traballou sobre o xénero e a literatura nas aulas de 3º ESO dentro de proxecto de Igualdade deste curso, procurando información sobre as escritoras ao longo da historia en Galicia.

Por outra banda, os grupos de 1º ESO mostráronnos o mapa literario de Galicia  da man das obras mais ilustres e as paisaxes que as inspiraron nun traballo colaborativo entre a materia de Lingua e Literatura Galega e Investigación e Tratamento da Información.
E da literatura culta á literatura popular pasamos ás coplas tradicionais dos maios cos textos de Rosalía e Curros Enríquez coma ponte. 
Nas clases de Música de 2º ESO investigaron na biblioteca que eran os maios, por que se facían e que relación teñen coa música tradicional. A tarefa final sería facer a súa propia copla, un mural para que o resto dos compañeiros coñeceran esta tradición -que segue a celebrarse en O Porriño-  e un maio coa colaboración dos grupos de 1º ESO. 

Fiúnchos, laranxas e limóns, ovos e flores cubriron dun recendo á primavera o instituto mentres os rapaces intentaban dar forma ao noso primeiro maio a gran escala. Contra todo prognóstico, non quedou nin tan mal...

No hay comentarios: