jueves, 5 de marzo de 2009

Domingo Villar no instituto



Hoxe, o alumnado de 4º de ESO tivo a oportunidade de coñecer ao autor da novela Ollos de auga. O escritor, dende o comezo, gañou aos asistentes ao coloquio: primeiro por reivindicar a lectura libre, é dicir, fóra as lecturas obrigatorias, benvida a elección lectora. Despois, por debullar o seu periplo vital, onde non faltou a experiencia laboral nunha empresa familiar, o fracaso dunha montaxe teatral, o traballo de guionista en diferentes series de TV, o rexeitamento dunha apetitosa oferta (formar parte da produtora que lanzou o exitoso formato de Cámara Café).... Pero sobre todo, os que tivemos o pracer de oílo aprendemos que cando un ten un soño debe perseguilo e o seu foi ser escritor; e dá igual que haxa que escribir ata altas horas da noite ou que haxa que arrolar un bebé mentres se concibe un best-seller -admirable: afirmouno alguén de sexo masculino-. Tamén nos decatamos de que as novelas en lingua galega poden ser traducidas ao francés, italiano, ruso, español con expectativas de éxito.... aínda que sobre todo, sobre todo, quedamos cunha marabillosa frase do noso conferenciante:
A LITERATURA DÁ LECCIÓNS DE HUMILDADE TODOS OS DÍAS...

NOTA: Grazas á Editorial Galaxia e á Vicedirección do centro que fixeron posible este agradable encontro.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Estou orgulloso de que no instituto que estudei alá polo ano 72 se fagan agora estes encontros que seguro van dar lugar a novos lectores.
Parabens