jueves, 27 de diciembre de 2012

Os fillos do mar



Aviso: a historia que se esconde entre as páxinas desta novela atrapa igual que o anzol que pende do colo da descoñecida muller da portada do libro de Pedro Feijoo.

Simón é un arquitecto vigués de medio pelo que un día recibe unha chamada de parte dunha rica viúva moi coñecida na cidade. A señora proponlle restaurar a fonte que decora os xardíns do pazo familiar en Canido, case un símbolo da familia. Aínda que o encargo non parece estar á altura da súa profesión e as reticencias de traballar para unha casa cuxo cabeza de familia tiña sona de fascista, Simón vese obrigado polo pouco traballo que acostuma ter e acepta. O achado dunha antiga caixiña nunha cavidade debaixo da fonte desencadea toda a trama. A dona do pazo morre en estrañas circunstancias e sorprendentemente, Simón é chamado á lectura do testamento xunto cos dos fillos da viúva, Xulio Ascanio e Mariña.
Que relación pode ter Simón coa familia? Que significan as dúas antigas moedas de oro e o sobre que se reparten no despacho do avogado da familia o día da lectura do testamento? Que pasado se esconde tralo nome do pater familias?  De que cor é o mar?.
Mentres o adiviñades, acabaredes ata cansos de tanto ir e vir polas rúas de Vigo e arredores ao trepidante ritmo de Simón e Mariña.
E agora,  a ler. Seredes capaces de parar ao remate de cada capítulo? Apóstovos un real de a oito a que non...

No hay comentarios: