viernes, 26 de mayo de 2023
English Culture Week
lunes, 22 de mayo de 2023
Encontro do club de lectura de 4º de ESO con Emma Pedreira e Carlos Lago
O pasado xoves, no club de lectura de 4º de ESO, celebramos
unha tertulia moi especial na que contamos coa presenza de Emma Pedreira e
Carlos Lago (lembrade que é o noso Juanca, profe de Plástica!), os autores desa
xoia que acabamos de desfrutar, A parte
dos anxos, un marabilloso artefacto de letras e debuxos. Puidemos facerlles
todo tipo de preguntas sobre a súa particular
colección de nenos defuntos, e tivemos a oportunidade de ver os magníficos
orixinais dos debuxos de Juanca. Deixámosvos algunhas fotos do encontro, con
Emma recortando distancias grazas as novas tecnoloxías e con Juanca presente en
carne e óso. Graciñas a ambos por compartir con nós a vosa arte e regalarnos
este valioso ratiño para charlar sobre a vosa obra!
lunes, 15 de mayo de 2023
Visita á Feira do Libro
Chegou a Feira do Libro a Porriño, e o noso club de lectura
non quería perder a ocasión de facer unha visita e adquirir algúns exemplares
para completar a nosa biblioteca. Cada lector e lectora encargouse de atopar un
libro que non figurase no catálogo e que fose do seu interés. Marchamos de alí
ben aprovisionados de cultura despois de indagar en postos de librerías do
noso Concello (Copirey, Paz e Recondo), que nos recibiron coa súa habitual
amabilidade.
lunes, 8 de mayo de 2023
Derradeiras reunións do clube de lectura de 1º ciclo
A continuación, repartímonos por cuestións prácticas en dous grupos.
Un grupo leu O neno do pixama de raias, de John Boyne, e adentrouse no duro mundo do Holocausto nazi dende a inocente mirada de Bruno, un neno de 9 anos. A verdade é que os nosos lectores/as xa coñecían bastantes cousas relacionadas coa II Guerra Mundial e o horror nazi, pero este libro fíxolles aproximarse máis esa época e sobre todo a sentir a súa dureza dende a distancia e a imaxinación. Dentro desta tristeza, tamén sacamos un pouco de tempo para relaxarnos cun breakout.
E agora toca intercambiar libros! Os que leron O neno do pixama de raias lerán Os nenos da varíola, e viceversa. Ollo, prohibido facer spoilers!
Sonia Mirón no centro
O pasado venres o alumnado de 2º de ESO puido desfrutar dun encontro coa escritora Sonia Mirón, autora de Un sol dentro de mí, un dos libros que máis éxito está a ter neste nivel propiciado polo Departamento de Lingua Castelá. Sonia Mirón falou, entre outras cousas, do seu proceso de escritura e afondou nun dos temas principais que aborda na súa obra, o acoso escolar, así como no efecto que tivo o seu libro en rapaces e rapazas que o leron. Rematou a sesión cunha interesante rolda de preguntas do noso alumnado e, por suposto, coa firma de libros. Grazas, Sonia, por este estupendo encontro literario!
Texto e fotografías: David Pérez