martes, 20 de mayo de 2008

A ESPIRAL DAS LETRAS


Cada 17 de maio, dende 1963, a sociedade galega homenaxea a un escritor. Este ano, como todos sabemos, foi dedicado a Xosé María Álvarez Blázquez.
O equipo da biblioteca do IES Pino Manso, en vez de centrarse na figura do polifacético editor, narrador e poeta tudense, pensou que os 45 anos de Letras Galegas ben merecían ser obxecto dunha celebración individual. Para desenvolver tal propósito, amais de recopilar imaxes dos diferentes literatos galegos festexados, pescudouse entre os fondos da biblioteca obras representativas dos mesmos... con eles decidiuse realizar unha espiral, a nosa espiral das letras, que sobrevive en pé, dignamente, a pesar do entusiasmo que pon o alumnado cada vez que irrompe no recreo na procura dun ordenador baleiro.


Contan que a idea de adicar un día ás letras galegas naceu por volta de 1931, nun mitin que tivo lugar no teatro García Barbón de Vigo. Foi nun domingo, ao serán, concretamente o día 26 de abril; nesa xornada Otero Pedrayo, Castelao e Paz Andrade presentábanse ás eleccións das Cortes Constituíntes da República en nome do primeiro partido nacionalista e republicano de carácter galeguista da nosa historia; alí, publicamente, entre reclamacións dun estado español federal, lanzaron a idea do día das letras... Daquela, non puido ser, mais paradoxicamente, foi en plena ditadura franquista cando se retomou este fermoso propósito.
O equipo da biblioteca lamenta non poder ofrecervos datos máis precisos sobre este tema, pero confía que se todo o que o vos conta non é de todo fiel á realidade, honre o vello adagio italiano que di “si non è vero, è ben trovato”.

No hay comentarios: