miércoles, 10 de junio de 2009

Poema para un día de chuvia


Agora que é tempo de recollida(dos libros prestados, das mochilas viaxeiras...), atopamos este agasallo nun dos cadernos en branco que este ano percorreron os fogares dos grupos de 2º ESO por xentileza da familia Pereiro Fernández:



SE ENVELLECEMOS XUNTOS


Se subo ata o teu berce
e me remonto polos anos
son neno contigo en mañás azuis
de balanzos e campás,
préndome ao váo da túa saia
e esperto ao amor
nun mencer cheo de alas.


Mais, se envellecemos xuntos,
se recorremos o vieiro da vida
paso a paso,
mirarei nos teus ollos
o esvarar do tempo
inorde como un barco.


Se envellecemos xuntos
e desfago a madeixa dos meus días
au teu lado,
fareime confidente
do teu camiño sen pegadas,
do teu canto e do teu ánimo.


Compartirei o sal, o leito
e o abrazo,
saberei escuramente que o noso paso
polo mundo non é en balde.


Confundidos nun único latexo
acompasado,
seremos dous regatos marchando
nunha mesma auga,
dous lumes consumíndose
nunha sia chama,
dúas vagas acalando o seu fragor
na area final,
última praia.


Entre idas e voltas do azar
ou do destino,
ti serás a certeza.


Se envellecemos xuntos,
se te acompaño neste tránsito,
deixarei bolboretas lenes
nas túas pálpebras cansas,
escoitarei repenicar a chuvia
nas xanelas da nenez,
sentirei a túa voz
esmorerecer en calma.


Bastarame para entendelo todo
a limpa mirada da túa luz sen ansia.

No hay comentarios: