Estes días temos a biblioteca con varias actividades en marcha: as alumnas e alumnos de 1º ESO están elaborando os disfraces do Entroido e preparando a presentación das súas aulas segundo a cultura da Antigüidade que lles correspondeu por sorteo( Exipcios, Normandos e Gregos) e que aparecen nos cómics de Astérix e Obélix, o noso proxecto anual.
Comezamos na materia de Investigación e tratamento da información documentándonos, nada máis volver das vacacións de Nadal e estas derradeiras semanas, apuramos ata no tempo de lecer.
Na biblio tamén tivo lugar a reunión do club de lectura de alumnas de 2º Bach para comentar o derradeiro libro de Andrea Maceiras "O que sei do silencio" A temática gustoulles, o formato da narrativa, a maneira de blogue, tamén e sobre todo, os diferentes puntos de vista nun caso de acoso escolar que presenta a historia: non fala a rapaza que sofre a situación senón quen asiste en silencio ao maltrato no instituto, creando un dilema moral sobre o papel das testemuñas que non fan ren nestes casos.
Por outra banda, no equipo de biblioteca levamos traballando unhas cantas semanas na preparación da nosa primeira( esperemos que non a última) escape room de cara á celebración do Día de Rosalía. Competirán todos os grupos de Secundaria entre se, a fin de conseguir dar cun obxecto de cobiza ao longo do tempo. Aquí vos deixo o vídeo introdutorio que fixemos para pórlles en situación:
No hay comentarios:
Publicar un comentario