jueves, 10 de febrero de 2022

Golpes de luz

-"A túa avoa é o máximo, Sebas"(...)

- Sí que o é(...) Oxalá non se extinga nunca.

Este é un dos diálogos que os rapaces protagonistas da nova novela de Ledicia Costas manteñen nun dos capítulos. Reprodúzoo porque desde o inicio da historia é o personaxe da avoa quen vaite atrapando co seu peculiar comportamento, os seus misterios, as súas saídas de ton e mesmo, coa ameaza do seu martelo "escachacaracois".

Golpes de luz é unha historia construída a partir de tres voces en primeira persoa: a da avoa Luz, a da súa filla Xulia  e a do seu neto, Sebas. Tres xeracións sobre as que sobrevoa o misterio dun avó desaparecido sobre o que a avoa parece non ter nada que dicir.

Non así Ledicia Costas que organiza o seu libro en dúas partes cos alcumes dos avós: En Animaliña preséntanos o presente desa nova familia que forman Luz, Xulia e Sebas trala chegada destes últimos desde Madrid para facerse cargo da avoa. En O Arxentino a viaxe é ao Vigo dos noventa, unha cidade marcada polo narcotráfico, na que Xulia fará todo o posible para recuperar os recordos do seu pai e descubrir por fin o misterio da súa desaparición.

O mellor da novela, para min, é esa forma de plasmar as emocións de cada personaxe: a inocencia dos nenos de dez anos que cren que a avoa é Thor porque nunca se separa do seu martelo, a preocupación da filla polo seu recente divorcio, pola incerteza de educar ao seu fillo soa, lonxe do pai e de encargarse dunha nai que pouco a pouco vai perdendo a cabeza e a retranca da avoa, unha pillabana da terceira idade que o mesmo pode facerte rir a cachón que xerar compaixón uns capítulos despois.

En fin, que gustei moito da nova novela de Ledicia Costas e vola recomendo desde aquí. Se queredes escoitar á súa autora falando dela, aquí tedes unha entrevista:

No hay comentarios: