Este ano 2009 adícase o Día das Letras Galegas a Ramón Piñeiro. É verdade que Ramón Piñeiro foi un home de letras, pero a diferenza doutros escritores anteriormente homenaxeados, máis ca un literato, foi filósofo e tamén un elo fundamental na recuperación do galeguismo.
A súa aportación ao eido político foi decisiva, pero convén aclarar que para algúns ten luces, pero tamén sombras.
Luces, porque contribuíu á formación das Mocidades Galeguistas nos tempos da Segunda República e porque durante a ditadura franquista, desenvolveu o papel de enlace entre os galeguistas do interior e os do exilio.
Sombras, porque tras ser detido en 1946 e pasar tres anos encerrado en varios cárceres, optou por abandonar a loita política e disolver o Partido Galeguista. A partir dese momento e durante case dúas décadas, o galeguismo será concebido como unha actividade de carácter cultural.
Ramón Piñeiro pensaba que se conseguise que todos os galegos coñecésemos e amásemos a nosa cultura, a nosa pervivencia como pobo estaría asegurada.
Desta postura "culturalista" obtivéronse froitos saborosos. Entre eles atopamos a creación da editorial Galaxia. Galaxia erixiuse na ponte que uniu os vellos galeguistas cos mozos que para ler a Rosalía de Castro tiñan que facelo ás agachadas. Nela, tamén se retoma o proxecto de crear unha revista científica que abordase, en lingua galega, diferentes disciplinas; a revista aínda se publica hoxe, chámase Grial e naquel momento resultou ser unha digna sucesora de Nós.
A aportación de Ramón Piñeiro non se centrou só no eido político-cultural, tamén foi un magnífico ensaísta e filósofo. Atreveuse a traducir ao galego ao filósofo alemán Kierkegaard, acto que foi entendido coma unha provocación. Naquela época, os poderosos queríanos facer pensar que a lingua do saber só debía ser unha: o español.
Ramón Piñeiro, con moitas das súas actuacións, pretendeu ensinarnos que a nosa lingua e a nosa cultura debían pervivir a través do tempo. Oxalá que a celebración do día das Letras Galegas deste ano contribúa a recordárnolo.
Ligazóns de interese na páxina das Bibliotecas Escolares de Galicia:webquests, páxinas web adicadas ao autor e unha selección dos máis variados recursos desde os centros galegos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario