O pasado venres tivemos a oportunidade de contar con Ledicia Costas no instituto. A autora falou aos grupos de 4º ESO dos seus inicios coma escritora, das súas outras ocupacións- porque da escritura en galego nesta terra é dificil vivir- do seu compromiso coa lingua e como non, da xénese das dúas novelas das que nos veu falar. Todo o mundo quedou sorprendido de que a primeira, Unha estrela no vento, a escribira con tan só dezaseis anos, inspirandose na súa época coma estudante nun instituto de Beade. E certamente, aos rapazes e rapazas do noso encantoulles polo que representa dunha realidade na que fácilmente se poden sentir reflectidos.
Para falar da súa segunda novela-O corazón de Xúpiter., Ledicia comezou proxectando un video moi relacionado coa trama.Moitos dos rapaces e rapazas xa o coñecían e aqueles que non, quedaron certamente abraiados coas imaxes. Tratabase do testemuño de Amanda Tood, unha moza de Canadá que fai uns meses acabara coa súa vida tras ser sometida a buying a través das redes sociais ao longo de moito tempo. Aquí volo deixamos para quen non coñezades o caso.
E logo, viu o tempo das cuestións. Un pouco tímidos ao principio, os rapaces e rapazas non se atrevían a romper o xeo pero ao pouco soubemos que significan para a autora as citas que encabezan cada capítulo- musicais na primeira novela e literarias na segunda-, cal é o seu autor favorito- Saramago-, o tempo que tardou en rematar a súa última novela, a súa tendencia aos finais tristes, a súa vea poética...(http://poetasdahostia.blogaliza.org/)
E como non hai encontro co autor no que o alumnado non queira un recordo en forma de autógrafo, nos derradeiros minutos Ledicia viuse rodeada por un público maioritariamente femenino e tamén, algún rapaz que, damos fe, demandou o seu a escondidas.
Grazas Leticia pola túa amabilidade e ao departamento de Lingua Galega e á editorial Xerais que propiciaron o encontro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario