Desde o luns estamos repartindo na biblioteca cos préstamos este marcapáxinas que a Asesoría de bibliotecas escolares de Galicia fíxonos chegar o pasado venres nos Encontros dos centros do PLAMBE( Plan de mellora de bibliotecas escolares no que participamos desde o ano 2008).  Como agasallo dentro deste agasallo el texto "Os ríos da vida" do escritor Agustín Fernández Paz que  reproducimosvos a continuación:
"Din que todas as persoas necesitamos as historias, tanto coma a auga 
que bebemos, tanto coma o pan de cada día. Que sorte, que sexan tan 
doadas de conseguir! Só hai que abrir un libro e deixarse arrastrar polo
 río das palabras, esas que fan nacer dentro de nós outros mundos e 
outras vidas.
Semella cousa de maxia que os libros garden tantas marabillas no seu 
interior: a emoción do inesquecible primeiro bico; a voz pausada e sabia
 do ancián da tribo; as conversas das mulleres que traballan arreo nos 
arrozais do delta do Mekong; os andares pousóns dos camelos, a avanzaren
 coa caravana polas areas do deserto; o espanto ante os perigos que a 
escuridade agocha, nun bosque inmenso ou no corredor da nosa casa; a 
soidade e as dúbidas de cando temos quince anos; as vidas de hai mil 
anos, cando o mundo era doutro xeito; ou as de dentro de mil anos, nun 
planeta que agoniza; a fascinación polas estrelas, que nos envían a súa 
luz desde os abismos do espazo-tempo; o desesperode sentirse só entre 
ríos de xente; o nacemento dunha persoa, a morte doutra; os seres 
máxicos e os deuses terribles…
Abrir un libro e deixarse levar pola fervenza de voces, de linguas, de 
recendos, de paisaxes… Unha maxia secreta e inesgotable, que a nós nos 
corresponde descubrir." 
Via Bibliovilarponte
 
No hay comentarios:
Publicar un comentario